Aquiles ante o ocaso

Das flores que promete abril desde a distancia
con longas enxurradas de augas a caer
nas abas dos outeiros, semellan estar vivas
algunhas que esquecín, tamén que descoñezo,
esoutras debuxadas nun cadro ou nunha ánfora
e aquelas que torceron de tanto florecer,
viradas para sempre a un sol que esmorecía.

Vereinas desde o alto da torre engalanada,
o mesmo que se ven crepúsculos, tormentas,
camiños ao pasar nun coche de cabalos.

Mais xa non hei de ter a vida que demandan,
os anos que perdín gañando a madurez,
os meses que afundiron nun longo pozo branco.

Ah, Zeus, que expiación debera o pecador
por tanta vida habida, por tanto camiñar,
que pago polo tempo bebido como un viño,
deitado polo chan na festa e no banquete.

Que débeda imposible xa nunca de saldar.
Que empréstimos tan caros, a vida e a beleza.

Advertisements