O canto das sireas

Dos barcos afundidos en tempos ancorados
nas páxinas da historia non son estes baixeis,
que o mar guindou furioso na fronte dos rochedos
e fixo esparexer en láminas e anacos
ao longo dun sen fin de praias desoladas,
aqueles que han de encher de gloria e de renome
o sabio que se empeñe no afán de descubrilos.

Máis ben deben ficar ocultos e esquecidos,
remotos no seu fondo de lama e desmemoria
igual que os condenados, os mortos da xustiza.
Que nada asome nunca dos días en que foron.

Eu ía neses barcos. Movía algún temón.
Sabía o rumbo exacto. Os mapas manexaba.
Tamén era consciente da forza das tormentas,
do longo furacán que viña contra nós,
do inútil daquel último esforzo innecesario.

Ninguén baixe comigo aos fondos abisais.
Ninguén queira buscar nos restos un anel,
a lámpada que un día encheu de luz a estancia.

Que sexan estes versos a única noticia,
o canto das sireas, o incerto telegrama.

Advertisements