O canto das sireas

Dos barcos afundidos en tempos ancorados
nas páxinas da historia non son estes baixeis,
que o mar guindou furioso na fronte dos rochedos
e fixo esparexer en láminas e anacos
ao longo dun sen fin de praias desoladas,
aqueles que han de encher de gloria e de renome
o sabio que se empeñe no afán de descubrilos.

Máis ben deben ficar ocultos e esquecidos,
remotos no seu fondo de lama e desmemoria
igual que os condenados, os mortos da xustiza.
Que nada asome nunca dos días en que foron.

Eu ía neses barcos. Movía algún temón.
Sabía o rumbo exacto. Os mapas manexaba.
Tamén era consciente da forza das tormentas,
do longo furacán que viña contra nós,
do inútil daquel último esforzo innecesario.

Ninguén baixe comigo aos fondos abisais.
Ninguén queira buscar nos restos un anel,
a lámpada que un día encheu de luz a estancia.

Que sexan estes versos a única noticia,
o canto das sireas, o incerto telegrama.

Advertisements

Chanson d’une femme de chambre

Será novembro aínda cando chegue
e vexa a laberca a caer como a tarde
esmorecida en púrpura e outono
desde o vello peirao de Brighton.

Na lembranza
dos teus ollos que ardían e tiveron
o tempo a se esvair ou docemente
desexo. E na sombra que a túa saia aínda debuxa
como un pracer escuro, esparexendo
a tristeza como un voo que non deu a gaivota,
latexo aínda nos paxaros,
nos teus dedos que perdían a ribeira
como se perde un mar cada horizonte.

Que o teu sirgo a percorrer o mármore e a música
deite a rosa no diván. E na memoria mol
da louca estrela e os laúdes
derrubados, do viño ao estío
poidas ser como a trompeta
que puxo un veo no noso espello
xunto á cativa cor do tempo
e da arañeira.

Se difícil for o tránsito até o lume
e no cristal a desfacérmonos puideres
chegar e veres cinza na corrente
e a lembranza
dos teus ollos a se esvaíren detendo
o voo noitébrego das lámpadas.

Desde o vello peirao de Brighton.