marijke

a orquestra tocaba filarmónica o domingo
marijke fermosísima levaba un cometa
roubaba horas aos libros patinaba no estanque
tróndea desordenada do corpo
paxaro indeclinábel da meixela
luz epistolar do seu pescozo
a carta navegábel dos ollos
paráfrase de lume
marijke
a beldade da artemisa na sombra da tilleira
un boi de cornos floreados no carozo do tempo

de Ferida acústica de río, 1982

Advertisements

canción do caravel

infindas largacías chairas nas súas mans
e unha queixa que vostede pon
en saloucos graves amo os seus cabelos
e a fraxilidade que vostede deixa
esvaída en cada xesto seu
peneirando a súa longura
e sospiros sospiramos
ah!
vostede beixa
deixando o bico baixo madame d’automne
vostede ama con diapasón e corda prima
-blusa de popelín pano de lisboa-
vostede impón respeto de marmelo
eclipse de uva mundo sen viño augaself
vostede fala con coral en allegretto
cheirume de anís uña esmaltada
ou ese sospiro seu tan de boca
tan de tren e matrimonio tan
imposíbel de esquecer sen sospiros
oooooooh!
vostede perdeu un caravel

de Ferida acústica de río, 1982

Carta de Viños: Chandon de Briailles

Chegada foi a tarde do príncipe dos bardos,
o día que as idades soñaron coñecer,
o tempo prodixioso das lámpadas escuras,
a época feliz do canto e da memoria.

O viño que preludia o tráxico da hora
ten nubes que aventuran acaso unha tormenta;
o vento sobre as harpas derrama os seus acordes
e volven violetas e tintos xa esquecidos.

Que foron derrubadas as portas de Noé,
que alguén chegou rompendo cancelas no solsticio,
que foron masas longas de xente a procurar
os índices das vellas colleitas abatidas.

Oh épico e feliz o tempo das hortensias,
oh lento o seu murmurio de lámpadas e canto,
as luces que preludian o tempo prodixioso,
e as portas de Noé, cancelas no solsticio,
cos viños a emborcarse na rúa sobre as horas.

Carta de viños: Muscadet

Non sei de que están feitas as uvas, de que lúa
provén esa dozura que deitan polos labios
no instante de perder a vida, ese clamor
rotundo dos seus corpos como esferas.

Tamén son ignorante das vellas variedades,
aquelas que bebían nos ágapes de Baco
as deusas, as escravas, os bardos de occidente.

Mais poucos son os viños que puiden derrubar
na alma como un río de froitas e silencio.

E menos, entre estes, aqueles que sentín
perderse pola lingua nun hálito de música,
o mesmo que se a noite solemne me espertase
e andase coas súas lámpadas furando a escuridade.

E, acaso, deses poucos, ocupa o sobranceiro
lugar aquel tan cálido, espeso, esvaecido,
que alguén nos regalou chegando a Montlouis.

Catar aquel xarope oh fíxonos oír
as augas preguiceiras do Loira cara a Nantes.

Carta de viños: Medoc

Dos pousos que deixaron os viños que bebín,
aqueles gorentados no inverno na distancia
ou eses que soñaban a luz do sol de Grecia,
ningún máis acabado, máis limpo no padal,
que aquel co que brindamos nas terras do Medoc.

Se agosto estaba cheo de feiras e de festas,
o día derrubando no cénit do seu brillo,
ti andabas concluíndo a vella ladaíña,
roendo unha mazá de soños, a laranxa
que a tarde derramara no rumbo cara a Francia.

Non foron ebriedades de viño o que sentín
senón unha lixeira fatiga, un arrebato,
un círculo fechado, vertixe polas mans,
estrelas que distantes deixaban a calor
da luz do mediodía no peito transpirando.

Así que non xurei, non dixen. O silencio
abriu como unha carta o voo da eternidade.

Nietzsche ante a loucura

Xurei algunha vez que había de deixar
o hábito infeliz de frecuentarte
e ir por outra senda camiño da beleza.

Mais vexo que non puiden cumprir o xuramento,
ser fiel a unha promesa estúpida e febril,
e sei que, pola contra, ti es a preferida,
aquela que adormece comigo nos seus brazos,
e leva a miña mente por túneles e covas,
por pozos, por eclipses, por prados no luar.

Acaso non debera. Tería que coidarme.

Os médicos anuncian que podo recaer,
pasar a derradeira etapa da existencia
sumido no silencio nalgunha institución
penando por vivir tamaña desmesura.

Mais eses son os fados e os astros que me orientan,
mariño a contemplar a azul cartografía
da noite que te enche, oh crise da razón.

De amore

Falei algunha vez das torres que caeron,
do triunfo do devir por riba dos palacios,
de como o tempo impón sereno o seu destino,
pisando as cidadelas, os fortes baluartes
que fican estragados, en cinza a derramarse.

Tamén falei outrora daquilo que perdura,
de como o tempo deixa sinais e cicatrices
e marcas en lembranza de antigas primaveras
e cartas como anuncio de invernos do porvir.

Mais non falei abondo de Amor, ese inimigo,
nin dixen claramente dos roubos que executa,
tampouco dos seus crimes, estafas e vinganzas;
dos miles, dos millóns de vítimas que deixa
chorando sen consolo incendios, desmesuras.

Nin souben advertir tampouco de Tristeza,
a noiva que Amor leva cantando no seu carro,
a vella prisioneira que adora e que tortura,
que goza cando o látigo nos aires asubía.

Que Amor vai namorado e nunca ha de pousar
as mans sobre o teu lombo, a lingua na túa boca.

Si, si, ese cantante de Amor, o foraxido.

Monólogo de Sócrates á espera da cicuta

Eu mesmo teño dito en contra da certeza,
en contra dos que afirman e nunca teñen dúbidas,
en contra dos que xuran por deuses e verdades,
en contra dos que, aínda, prometen desde a fe,
seguros posuidores dun dogma e dunha estrela.

Aquí, sen ir máis lonxe, nos mármores da ágora,
deitei a miña escasa facenda de esperanza,
dispuxen moita noite e pouco mediodía.

Mais digo agora en alto, que todos me interpreten,
non doe este camiño sen pedras que pisar,
sen herbas que amolezan o peso dos meus anos,
sen augas que refresquen o corpo do cansazo,
ben máis que se voase lixeiro como a brétema,
fugaz como o pardal, sutil como o estorniño?

Oh fáciles as vidas daqueles con razón,
daqueles con discurso de pedra e dominante,
daqueles que pretenden, oh, seren as palabras
certeiras realidades, amparo onde acollerse.

Mais tráxicos, terribles, os golpes contra o mundo,
batendo coa ilusión nos muros da tristeza.

Escoita, pois, se queres, lección deste exiliiado:
Dubida mais non deixes por iso de queimar
o soño dos ladróns, dos loucos poderosos.

Erguida esta consigna promove contra eles
a única batalla sen marxe de derrota:
o mundo segue a dar mil voltas cada pouco
e todo vai caer, as torres dos imperios,
as portas dos palacios.

Os outros

De todos os que un día chegamos para abrir
As portas do futuro no leito da distancia
Son moitos os que foron caendo sen deixar
Sinais do seu periplo nas chagas da existencia.

Chegounos algún eco dos corpos derrubados,
O instante en que, reunidos, choramos esa perda,
Mais logo veu o inverno e a néboa a debuxar
Insomnes precipicios e cólicos e pranto
E algúns daquela fomos en barcos a sentir
A brétema premendo nos pórticos do olvido.

Mais nada foi deitado no mar do esquecemento.

Así como pasaron os anos regresou
A luz da súa presenza, o lóstrego da vida,
E agora entre a penumbra que foi o meu camiño
Celebro o seu misterio, os signos que aínda emiten
O mesmo que se fosen disparos contra o mar,
O mesmo que se entrasen espidos na tristeza.

Benvidos vellos mortos, cadáveres que amei.
En vós existe agora un soño que é real,
Un voo de cinza e terra que arde entre palabras.

Sexta epístola de ninguén

As torres erixidas, os pozos escavados,
Os ríos, as murallas, os bosques, os palacios,
Son signos de tristeza, do esforzo por chegar.

Mais nunca chega nada, Ninguén xamais encontra,
E o mundo vira e vira, perpetua virazón,
Os astros contra o fondo da noite entre planetas.

Por iso os magos gañan insólitos denarios,
Tesouros arrincados da carne entre pregarias,
Pois teñen a valía da tráxica ilusión,
O prezo acrecentado da fábrica do engano.

Maldito ilusionista aquel que se fornece
De roupas e atavíos azuis para a falacia,
Maldito quen proxecta con luces sobre o fondo
Da vida unha mirada de túnicas e brillos,
Aquel que desdebuxa a lúa sobre o mar
E erixe longas flores do amor e da esperanza.

Que nada está detido e todo cesa e cesa.
E os triunfos son instantes. E eternas as saudades.