Novela

Nada acontece na ficción.
Nada perdura no devir.

NON LEMBRO exactamente a hora ou o lugar,
Mais sei que foi nalgún daqueles bares rancios
Que entón daban acougo a seres transeúntes:
Poetas, vagabundos e músicos errantes.

Eu tiña vinte versos escritos sobre a pel
E todos vinculados aos anos que vivira
Mais sempre construídos coa métrica do outono
E o ritmo do crepúsculo nas tardes de setembro.

E ela, que era acaso un pouco máis sombría
Pois lera con fruición nos libros de Neruda,
Chegaba desde o centro dun bosque con palacios
Ferida por quen sabe qué nube ou qué presaxios.

O certo é que a encontrei na lúa da mirada,
Un anxo que proviña dos tempos en que fora
A noite dos seus pais, a tarde dos seus tíos,
A alba duns avós que outrora se perderan
Nos mares das viaxes por rutas da Arxentina.

Non tivo nunca nome ou pode que o perdese
Espida como andaba nas páxinas dos libros
Ou mesmo algún agosto naquelas longas praias
O ano en que empezaron os soños e o delirio.

Mais sei que se chamaba dun xeito inesquecible:
Canción, acaso Area ou pode que Linguaxe,
Algunha desas vellas palabras que remiten
A ecos doutros ecos, a sombras doutras sombras.

Mais viña sempre chea da lúa a media noite,
Vestida como as luces que feren a mirada
Cun brillo de ebriedade, coa sombra doutras sombras.

Canción era, por tanto, muller namoradiza
Que a todos se achegaba, que a todos seducía
Coa música e o voo. Así que non foi dada
Opción, alternativa, e tiven que renderme,
Chegadas como eran as horas para Amor.

E xuntos derrubamos as tardes sobre os lirios.

O certo é que unha noite fuximos a soñar
Os campos que se abrían do Miño cara abaixo
Coa insólita ebriedade que dan os vinte anos
E o voo dun automóbil que alguén nos emprestara.

As bocas como pértegas saltando contra o ceo,
As bocas que cantaban cancións da lúa negra,
As bocas que inclinaran o paso para ver
As cores albacentas dos mármores dos brazos,
Dos brazos das estatuas, dos brazos arrincados,
Dos brazos que perderan o día en que chegaron
Milleiros de soidades.

Qué imaxe pode haber máis próxima á ledicia
Que aquela de dous mozos unidos pola ollada
Quilómetros facendo, por vilas, por cidades,
O fume dos cigarros sumíndose na néboa,
Os corpos sobre os leitos das fondas máis baratas,
E o mar á nosa beira, guiándonos calado.

A noite xa empurraba o río baixo as casas
Seguindo a longa liña das luces polas beiras
A tarde en que chegamos a Lisboa.

Dos días que pasamos sumidos nun hotel
Que as pombas perturbaban, moi perto do Chiado,
Non gardo máis memoria que a sombra dos seus brazos
No instante de apertarme con forza ou con sixilo.
E acaso a melodía do viño percorrendo
As longas avenidas do meu sangue,
As grellas espallando aromas de comida,
Os libros que compramos, a música que oímos,
Daquela, cando todo, sen dúbida, podía
Seguir outro camiño, tomar outro percurso.
Tamén a certidume de estar a atravesar
As portas que me abrían o templo do porvir
Agora que despois da longa mocidade
Por fin podía entrar pisando cos meus pés
Nas salas en que ardían insomnes os poetas.

Alí soñaba o gozo con ser unha caricia
Con ser unha gozosa mirada sobre a brisa
Un número de luz a abrir os diafragmas
Das cámaras, dos ollos,
Un número de brillos de diamante.

E nada había triste de tanta que era a perda.
Perder era unha longa ferida que sangraba,
Un río que xurdía do corpo até chorar,
Un río que fundaran cadáveres de lágrimas.
Así que lle roubei a boca e quixen ir
Así polos navíos en busca dunha illa
Así por unha lúa de asombros e distancia.

Que lástima que todo, ao cabo, fose falso,
Que todo se rendese co estrépito da tarde,
Que os anos se vertesen por riba daquel voo
Deixándonos o lume da heroica singradura
Deposto ante o fracaso, final e consumido.

Mais brillan inda ao fondo dos meses abatidos
Estralos e faíscas da pel contra outra pel,
A lúa esparexendo sinais de pratas altas
Nos vidros que contiñan un viño ben maduro,
As fondas ruidosas de chan entaboado,
O sol sobre as terrazas na hora do café,
Umbrías librarías con séculos de luz,
Con séculos de tomos, con décadas de azul,
Abríndose ante nós, marítima viaxe,
E as ganas de ser sempre insólitos, alleos,
Distantes, escollidos, estraños estranxeiros.

Quen garde no profundo das vellas cicatrices
Algún dos arrecendos que paso a describir
Terá que derrubarse no medio da novela,
Deixar que pase o pranto, que o choro se esparexa,
Que o pouso memorial de prístinas suturas
Desprenda algo de sangue, de dores consumidas
Que agora se renovan e emprenden novo voo.

Pois cómo non chorar lembrando aqueles barcos,
O xeito en que dobraban o lombo para entrar
De proa contra o porto;
Ou cómo non verter sequera algunha bágoa
Ao abrir de novo o peito ao vento que chegaba
Celeste derramando a néboa luminosa
E fría desde o Atlántico.

Ou cómo non deixar que a voz se quebre e rompa
Sentindo novamente a pel entre o salitre,
O corpo alí entregado na ofrenda das areas,
Os labios que se abrían, a lingua que achegaba
Un líquido agridoce con restos de tabaco.

Recordo o corpo dela espido fronte ao mar,
Facendo un ritual de ondas e de danza,
E aquelas ebriedades, sen présa por partir,
Sen présa por tecer o texto da existencia,
Perdidos por ningures, quén sabe en qué lugar,
Seguindo o rastro incerto de estradas secundarias.

Recordo algún mencer despois de noite insomne,
Despois de noite enteira disposta baixo a lúa,
A lúa que, rotunda, deixábanos andar
Sen luces polas praias, polos campos.

Medrou a cabeleira e a barba debuxou
Sinais de sombra e gozo na flor da mocidade,
Na flor daquela cara que eu tiña hai trinta anos,
Na cara que perdín, que foi baixando un río
De árbores queimadas.
A cara que aínda asoma gravada nunha foto,
A cara co seu brillo, coa luz da inxenuidade,
Nos ollos acendidos, a cara que se foi,
Que acaso se perdeu ou disque me roubaron.

A cara, en fin, que agora xa non teño.
Igual que xa non teño aqueles vinte anos.
Mais teño estoutra cara, a cara de vivir,
A cara de ir morrer en décadas vindeiras,
A cara de estar lendo agora esta novela,
Dispondo un novo verso sen máis que vos dicir.