Aparición e fuga de Penélope Glamour

Facíase chamar Penélope Glamour
E tiña certamente algúns dos atractivos
Que os gregos concentraron na esposa do viaxeiro
Unidos a unha boca gozosa, sensual,
E un corpo que podía erguerse como enseña
De todas as milicias victoriosas
Nas épicas contendas dos tálamos e leitos.

Despois de varias décadas o corpo conseguira
Manter a súa beleza, lograr que perdurasen
Os signos da volupia, as marcas da cortés
Vivencia aproveitada semana tras semana
E, xa remunerada, sentindo que a fortuna
Enchera o seu pecunio con óbolos, dinarios,
Dabondo para estar deitada o que restaba
Na espera da súa hora,
Fugouse con altiva e plácida colega,
Negadas para sempre ao corpo dos varóns,
Xa sabias en exceso de todo o que gardaban
Os soños masculinos en segredo.

Do Mare Nostrum foron as illas percorrendo
E en praias, balnearios, casinos, restaurantes,
Deixaron testemuño da súa clase
Con roupas e atavíos, con modas e maneiras,
Que en todo resultaban amables, nobiliarias,
E tiñan un aquel de luxo aristocrático.

Os poucos que tivemos a sorte de tratalas
No tempo cenital de tan lendaria vida
Gardamos a certeza, diría, a convicción
De ter sentido unidos as frechas de Minerva
E os cálidos perfumes de Afrodita.