AGORA QUE XA SOMOS ANACOS DUNHA HISTORIA

Agora que xa somos anacos dunha historia
E temos na mirada vestixios de vivir,
Fendidos moitos soños, quebradas esperanzas,
É tempo xa de entrarmos no templo da derrota
A ornar coas nosas flores os deuses abatidos
Nas longas batallas do olvido e o espolio.

A eles cabe darlles aquilo que aínda somos,
As luces derradeiras da nosa mocidade.
E deles recibir insignia e cerimonia
Dos anos esgotados, dos meses xa corruptos.
Por ver se na divisa dos cánticos frustrados,
No emblema das baladas inútiles e tristes,
Existe algunha luz, un lóstrego que arda.

Pois acaso na estéril ebriedade do triunfo,
Nos fastos da victoria, nos loureiros do aplauso,
Xa toda apoteose é signo de devalo,
A marca que sinala o ascenso doutro século
E o linde dun espacio fendido para nós.

Así que, recollendo as nosas soidades,
As roupas máis espidas da nosa melopea,
Os vómitos e as feces dos grandes banquetes,
Fiquemos na orfandade do puro desabrigo
Sen outras equipaxes que o tempo derrubado.
Os bártulos e os trastos, enseres e trebellos
Do oficio de cantar ardendo nunha pira.

Pois queren estes deuses sublimes do fracaso
Que aqueles que gañaron na sombra do vivir
A umbría imprecisa dun lóstrego branco
Regresen da conquista feridos por un voo,
Mancados xenerais, abatidos soldados.

Advertisements

Secreto acordeón

AQUELES que entregados ao rito de cantar
Esquecen os segredos da beleza
E o barco amarran forte en pétreo embarcadoiro
Por medo a unha loucura de ventos e galernas
Oh estraños navegantes que son por eses mares
Que forman as palabras
Pois temen o vaivén das ondas e o naufraxio
E nunca arriscan vida nin peito nin afogo.

Así que nunca embarcan de noite ou na certeza
De ventos e perigos, levando unha marea
De tardes e paxaros, caldeiros con follaxe
De hortensias inmoladas no altar que erixe outubro.

Mais eses grandes, altos, que saben como entrar
Nos líquidos azougues do espello da tristeza,
Aqueles que se arrincan do peito unha mañá
E son unha mestura levísima de outono
Con pedra verdecida; aqueles que conducen
De súpeto até abril e alí dispoñen flores,
Ben saben as maneiras, os modos, o costume
Dos barcos e as canoas, as góndolas, os iates,
E sempre errantes vogan, quen sabe a que destino,
Tocando o seu funesto, secreto acordeón.

Entón fechei as portas do mar e fun abrir

Entón fechei as portas do mar e fun abrir
Os ecos esquecidos dalgún naufraxio vello
As torres que se erguían no límite da néboa.

No alto estaba abril con cinza dos meus labios
Pousando un dedo lánguido de outono sobre os ollos
Dos corpos irredentos de praias xa vividas.

No centro da distancia había unha bandeira,
Un pano consumido por centos de fracasos,
Divisa de estar triste e non poder saír.

Mais flores que aínda ornaban as beiras daquel lenzo
Mostraban amurchadas algún remoto abril,
Un tempo que se fora e viña de regreso.

Así que souben logo que aquel era o lugar,
O punto no que a esfera do tempo se tinxía
De cores albacentas, pigmentos de pracer,

Co líquido que escinde o mundo en dúas metades:
Aquela que aínda porta o emblema da derrota,
E aquela que xa ergue o lábaro da gloria.

Deixei pousado alí o prístino estandarte
Da antiga desventura, do íntimo desastre,
E entrei feliz no voo da nova primavera.

EXORTACIÓN A CARLOS OROZA

Por que, Carlos Oroza, frecuentas tanto as musas
Nos longos, matinais e plácidos paseos,
Ás horas en que os outros humildes pensadores,
Prosistas e letristas, aedos e rapsodas
Insomnes camiñamos en pos dalgún crepúsculo?

Apúntaste o primeiro a ter trato coas deusas
E, logo, cando partes, xa cansas, se retiran
Sen folgos de atender outros cantores.
Así que as nosas rimas, as tristes cantinelas
Que en ermo territorio transidos cultivamos
Non teñen o ouropel, o luxo nin a prata
Daquelas que románticas, e góticas, barrocas
Transpiran os teus labios,
Sobrado e opulento, profuso e arrogante,
Se, prócer entre aqueles que o náutico lugar
De día percorremos
En busca dun galano da linguaxe,
Eximio nos abraias con ritmos e palabras,
Se, baixo e derrubado, visitas da tristeza
As cámaras sombrías, os túmulos secretos.

Oh príncipe canalla, que luz sacerdotal
Acende as túas escuras melopeas?

A quen lle roubas tanta celeste ofuscación,
insólitos delirios, frenético extravío?
Por qué, Carlos Oroza?
Por que, bandido errante?

Agora que estes días do inédito milenio
Trasportan a súa carga de nubes sobre nós
E marzo se derruba con chuvias e calores
Farei que as musas durman nas horas da mañá
E o tránsito che impidan por dentro do palacio.

Terei daquela probas do ilícito contrato,
Do xeito delincuente que tes de procurar
Os altos ornamentos da linguaxe,
E mesmo farei vir exércitos querubes,
Anxélicas milicias,
Que arresten sen demora ao foraxido,
Proscrito vagabundo, convicto soñador.

Que, preso nas mazmorras do silencio,
En longos anos pagues por tanto latrocinio,
E así poidamos todos aqueles que te odiamos
As débedas saldar, empréstimos pagar,
Facer que esta lixeira economía
Do verso e da medida, do ritmo e da palabra,
Mellore na túa ausencia, agora que serán
As musas soamente citadas para nós
En longas e benéficas sesións e conferencias.

Sublime garda armada de toda a delincuencia
Que xera a poesía
Os ferros apretade; que nunca a doce fuga
Sequera conxecture; que pague nesa umbría
Do cárcere o clamor, o insólito delito
Da música e a chama.

Protocolo a un poeta amigo recibido na casa de Tui

Benvido á vella casa, señor dos aforismos.

Hai tempo que agardamos o teu paso constelado
consumidos entre a néboa fluvial
mentres cores ocres descen polas augas
e xa o tempo se adormece na sombra dos salgueiros.

Saúde, vello mestre.

A tarde nas súas lámpadas se abate mentres chegas
e do alto do verán agosto inclina a súa vitoria
propagando unha luz que no río é cincenta,
ah, bardo que ao celeste te achegas co teu canto
e ás aguias culminadas vas furtando antigos vidros,
cartolinas onde a tarde é unha sombra,
leve alento da brisa marítima.

Benvido, cabaleiro das terras da mariña.

Hai horas que esperamos o teu halo regresado
coa nostalxia dos que esperan o regreso á terra interna
cando a nave xa os despraza, xa os difunde na viaxe,
erixidos como as horas que suceden ao mencer
ou inclinados como a néboa que se abate polo ocaso.
E, se, ao chegares ao lugar onde os templos son etéreos
e aínda as musas oferecen holocaustos,
non debuxas no teu rostro os fulgores do sorriso
é que existe unha sombría, declinante canción,
que conduce a túa memoria a lugares remotos
mentres chegas e vas e, aínda estando, te ausentas.

Volve entón para nós, ah distante, fuxido,
pois se a casa contén outras ánforas
ti es preciso na luz,
no albo viño do sur,
nas conversas.

Proclama

Escoitádeme ben, ah sofistas do porvir,
aqueles que agardades xunto á porta dos palacios procurando ollar a prata;
os que dades o mellor das vosas lendas por un dezmo desolado;
os que acaso xa tanxedes altas harpas para os príncipes:

Non será voso este canto!

Eu só falo para os loucos que soñaron o verán descendo lánguido as ribeiras;
para os vellos eremitas que anunciaron no deserto unha ousada profecía;
para aos náufragos feridos por un mar de vella alpaca contemplando fluír a aurora;
para os santos que estenderon a súa túnica entre os choupos e durmiron unha noite de albos séculos soñando;
para os reos que coñeceron a luz efémera do día entre os muros da prisión;
para aqueles que aínda errantes soben limpos unha estrada cobizando unha cidade;
para os príncipes perdidos na ebriedade dun imperio como páxaros sen voz;
para os plácidos amantes que se asoman cada noite ás varandas da tristesa.

Escoitádeme ben, necios músicos blasfemos:

Non será voso este canto!

Corpos 5

Fostes vós, corpos intactos,
os que eu nunca posuín e só quixen para adentro,
os que un día abristes fendas no desexo
e, quebrándome limplísimos espellos,
pervagastes polas gándaras do olvido
na poeira malva dunha brétema distante.

Ah, fostes vós, noites de outros,
tapices devastados en que a noite erixe néboas
e un segredo torna fráxil toda alcoba do porvir,
as que outrora laborastes algún sulco deste ermo
derrotándome castelos e aínda exércitos
de pombas desoladas.

Fostes vós, labios e bocas
doutros seres abaténdose nas naves
dalgún porto estremecido polas augas dun mar gris
cando a noite culminaba un esplendor de lúas rotas
e unha lámina de sangue esparexía na saudade
a cor máis cárdena da morte.

Ah inútil paixón de querer posuírvos,
esforzo que me abate por cumprir
o mandato máis cego da carne!

Corpos 4

recorda, oh corpo, un día, se aínda no devalo
che é dado recordar, que foron estes brazos
agora posuídos no voo da súa ebriedade
a cifra da túa gloria,
que foron os cabelos, tinxidos polas cores
cobrizas do crepúsculo,
un trazo expresionista, abstracto, poderoso,
sumida a tarde en bronces, en terras, en arxilas,
e noutros tintes ocres e gamas areosas,
oh corpo, se algún día, as nádegas, viaxe,
descenso, aviación
das garzas inclinadas, das nubes ofrecidas,
dos montes deportados,
outubro cae silente
e as árbores vulneran
a liña do horizonte,
recorda, oh gozo, un día,
a música das musas

Corpos 3: cantinela do teólogo aprendiz e a ninfa da baía

O corpo está varado, deitado sobre a area,
Sumido no seu voo de garza derrubada,
E asiste aos esplendores do sol no mes de Agosto.

Non é máis que un volume de músculos cromados,
Terrestre anatomía que forma no desexo
Vehemencias e delirios, cegueiras, entusiasmos,
E soña con abrir no brío da paixón
Provincias de arrebato, comarcas de viveza,
Agora que o sopor da tarde se desprega
E o mar pronuncia ecos cobardes, sosegados.

Cheguei a este país, viaxeiro desertor
De longos extravíos, de infindas perdicións,
Querendo achar o eclipse, a ausencia, algún retiro,
Que dese á miña carne un tempo de sosego,
Seguindo a suxerencia, o aviso, a admonición
De vellos confesores, de unxidos moralistas.

Mais sinto que esa teima é inútil, incapaz
De darlle á miña alma aquela alta quietude
Do ocio e do silencio, da flema e do repouso.
E síntome culpable, humano, pecador,
Ollando as lentas liñas que en curvas se prolongan
E ascenden polas costas borradas de cabelo
En chamas que xa prenden, no límite dos peitos,
A sombra delincuente da miña tentación.

Son tantas as belezas que o corpo xera en min,
E tantos os praceres que amencen inspirados,
Que sinto que a doutrina errou ou foi virada:
Non pode ser posible que o deus dese ditado
Urdise este castigo, tramase esta vinganza,
Ou fose tan alleo a tanta exaltación.

Terei que regresar de novo ao seminario
E dar conta locuaz do erro e da caída,
Do lapso e da infracción,

Mais sei que estaba escrito que isto acontecese
Máis tarde ou máis agora,
Ou antes ou despois.

Corpos 2

Segundo este clamor de árbores deitadas
Na sombra do luar,
Hai tempo que o teu corpo, prolífico, copioso,
Trazou con tiza escura o sulco das súas froitas
E puxo na súa pel un cándido designio
De maios no futuro.

Por iso es merecente do nome de maceira
E a fronda e a floresta, a mata e a espesura,
Coñecen o devalo sublime das túas augas,
O lento decorrer de néctares alados
Camiño do porvir.

Tamén o limoeiro, erguido, te venera,
E as polas da ameixeira, e as flores do camelio.
E o céspede e a tarde, xa húmidos, celebran
Torrentes de fecundas materias inspiradas
Que tocan as túas mans,

Muller ou herba ou feno ou pasto para o amor,
Semente culminada.