DELICATESSEN

AMÉNDOAS dáme figos e queixos ovelleiros
Retábulos roubados románicas ermidas
E tinto moito tinto do Douro da Borgoña
Itálicos xeados con néboas chocolate
Mazás esparexidas no chan da habitación
Tamén caviar pagado con dólares en Rusia
E tardes moitas tardes de outono de verán
Tamén de primavera ou mesmo polo inverno
E déixame que faga mil fotos mil retratos
Das árbores da cara do corpo das estatuas
E lévame por bosques por vilas por cidades
A cámara roubando do tempo a exhalación
A cámara cortando o fío da tristeza

Batallas navais

Agora que, afundidos os barcos da gloriosa,
Heroica frota armada da miña mocidade,
Os náufragos recollo en praia solitaria
E chagas e feridas e osos quebrantados,
Con sabia dilixencia, xa curo e considero,
Celebro que cos anos, cos meses e coa mingua
Daquela urxencia nova, regresen ao meu tempo
Virtudes que coidaba alleas, derrubadas,
E aprenda das batallas perdidas, dos naufraxios,
E lámpadas acenda por riba de tratados,
Deixando atrás os mapas, os náuticos escritos,
As cartas mariñeiras.

Se as illas son aínda o triunfo navegante
Daqueles que abandonan o mar continental
E mesmo, perturbados por cofres e tesouros,
As praias con palmeiras e exóticas mazás
Erixen con orgullo de nautas e turistas,
Agora no silencio da noite, recollido
En ermo agreste, canto a épica canción
Das íntimas vivencias, da interna travesía.