1999

Escóiteme, madame: mañá comeza o outono.

Neste triste balneario só quedamos
Os dous e unha noxenta
Fragancia de menciñas.
Os músicos partiron. Tamén aquelas damas
Tristísimas, doentes.
O mundo son dous mobles e os seus ollos
Cromados polas augas minerais.
Ninguén ha de anunciar a hora do solpor.

En horas como esta un pode contemplar
Honesta, honradamente, a opción do suicidio.
A vida é como un baile que empeza e se abandona
Se a orquestra se detén, se o ritmo é fatigoso.
Mais, vós, madame, ¿quen sodes?, oh filla dalgún xastre,
Oh neta dalgún crime.

Daría a miña vida, se non me pertencese,
Por tantas cousas gratas, que excuso enumeralas:
A noite de verán bañada en plenilunio…
París, ou mellor Londres; sen dúbida Venecia…
O mar que se espreguiza como unha prostituta
No límite da praia, a música e os ríos…

Mais nunca eu a daría, por vós, madame. Xamáis.
Que triste que estaría ollando o meu cadáver,
O inútil dese aceno, final e innecesario.

Vistámonos, entón, con prendas elegantes.
Baixemos ao xardín, brindemos pola tarde.
Que o século se perda, que morra esta centuria.

Aténdame, madame: mañá comeza o outono.
No peito xa lle medra o signo dunha flor.

Marítima

Ninguén debe sulcar en naos de negro leme
Os mares desta hora poderosa
Senón é para encher as redes coa derrota
E o barco ao fin varar en praia solitaria.

Así fagan aqueles que temen da fortuna
O pulo do seu brazo furibundo.

Ousados e valentes, curiosos, destemidos,
Sométanse ao designio dos ventos, icen velas,
Coñezan a ventura e a aventura.

Heroico o que regrese ben pode comparar
O curso dos seus días, o rumbo dos seus anos,
Con outras singraduras, sublimes e lendarias,
De Ulises ata Orfeu, de Aldrich a Colombo.

A morte finalmente inxusta igualará
a estes cos primeiros
e todos xacerán conxuntos baixo terra
sen outro galardón que un fío de palabras
que chaman gloria ou lenda,
ou simple, simple historia.

Así que non procures valerte dese dado
Que deita en taboleiro ignoto un neno antigo
Que, entre outros, atende ao nome de Azar.
Conserva as sete vidas se tes algo de gato
E non emprestes unha nin poñas en perigo
O corpo ou a conciencia. Axiña saberás
O insólito que é seguir vivo despois
Das ondas e as illas e os portos e as praias.