A fábrica do engano

Algunha que outra vez, ao ollar o rostro espido
Na lámina do espello, contemplo os negros trazos
Que o tempo vai deixando, perennes cicatrices,
E sei que non son eu, por sorte, por fortuna,
Senón o vello vidro comesto de humidade
Que un día hei de mudar, chamar ao cristaleiro,
Dicirlle por favor, repáreme esta lúa,
Quixera ver de novo, na altiva plenitude
Da súa madurez, a esguía fermosura
Do corpo que xa hai máis de catro longas décadas
Cabalga este delirio de lírica, de drama.

Mais nunca dou chamado, esquézome de abrir
A guía de teléfonos, marcar o exacto número.
E sempre, pola contra, prefiro que o aparello
Me ligue coa túa voz, distante, posuída
Por un leve tremor de música, de dúbida,
Oír que non me queres, que tes un novo amante,
Que xa non é posible, que evite repetir.

E entón fico pensando se non será este espello
Quen mostre a realidade, se non serán os ollos
Que agora están a ver os trazos da outonía,
As liñas do percurso dos meses como un voo
Por riba deste mapa da miña biografía,
Aqueles que en silencio constrúen a mentira,
A fábrica do engano.