Inverno

na memoria de Ángel Torrado, Pipo, compañeiro e amigo, ata a victoria sempre, camarada

 

Aniña agora en min un corvo solitario,
Alguén con alas negras e vento no mirar
E dime que regresa da incerta travesía
Dos mares afundidos na néboa do quebranto.

Non é máis ca unha efixie do inverno e o seu voo
O signo que se forma na exacta conxunción
Das tardes e da chuvia, do frío e do silencio.

Mais leva no peteiro un ramo de amarelas
Acacias arrincadas ás árbores da sombra,
Un xelo que derrete e pìnga melodías
De fúnebres baixos e agudos metais.

Se agora acendo vello a última fogueira
E engado paos, farrapos, antigos manuscritos
Non é porque procure quentar a fría casa,
O cuarto no que ensoño a vida sen mirala
Senón porque a humidade do mundo se achegou
A el para beixalo, absorta sentinela
Das tardes e crepúsculos do xélido xaneiro.

Fenece, pois, oh Inverno, ah córvida estación,
Non deixes de pasar,
Que sexa máis lixeiro o carro no que portas
Antárticos coitelos,
Cadáveres, vestixios do espolio da brancura,
E dános outras cores, cromáticos indicios
De estar a renacer. Que sexa curta a espera.

A fábrica do engano

Algunha que outra vez, ao ollar o rostro espido
Na lámina do espello, contemplo os negros trazos
Que o tempo vai deixando, perennes cicatrices,
E sei que non son eu, por sorte, por fortuna,
Senón o vello vidro comesto de humidade
Que un día hei de mudar, chamar ao cristaleiro,
Dicirlle por favor, repáreme esta lúa,
Quixera ver de novo, na altiva plenitude
Da súa madurez, a esguía fermosura
Do corpo que xa hai máis de catro longas décadas
Cabalga este delirio de lírica, de drama.

Mais nunca dou chamado, esquézome de abrir
A guía de teléfonos, marcar o exacto número.
E sempre, pola contra, prefiro que o aparello
Me ligue coa túa voz, distante, posuída
Por un leve tremor de música, de dúbida,
Oír que non me queres, que tes un novo amante,
Que xa non é posible, que evite repetir.

E entón fico pensando se non será este espello
Quen mostre a realidade, se non serán os ollos
Que agora están a ver os trazos da outonía,
As liñas do percurso dos meses como un voo
Por riba deste mapa da miña biografía,
Aqueles que en silencio constrúen a mentira,
A fábrica do engano.