Cemiterio

É grato camiñar á beira destes túmulos,
Erguidos tempo atrás, no cumio do esplendor
Da vella burguesía, ollando o imaxinario
Febril, atormentado, da morte e os seus ritos.

A clase posuidora de todo privilexio
Rendíase ante o evento final e decisivo
E só daba erixido, a modo de pregaria,
Ensoños funerarios, praceres de elexía
Solemnes e inda mórbidos, pomposos, lapidarios.

Exequias, velatorios e misas e honras fúnebres
Non daban consumido a chama do infortunio
E así era preciso que fose a pedra dura,
Á sombra dunhas árbores esguías, solitarias,
Quen ordes espallase, chamando a formación
Querubes, serafíns, arcanxos e inda anxiños.

Algúns destes xacigos, acaso posuidores
Dos restos consumidos de incrédulos e ateos,
Amóstrannos escenas paganas, mitolóxicas,
E nelas hai un eco, sutil, case impreciso,
Do artista incomprendido que bate no granito
Metálico cincel e deixa aquí e alá
Sinais de estar soñando as artes diferentes

E un Deus que xace morto, caído como outrora
Luzbel cando, deposto, perdeuse nas entrañas
Da terra e foi morar
No reino do crepúsculo e as tebras.

Crítica literaria

Xa todos os teus froitos murcharon coa outonía,
A lúa das mazás, o ouro das ameixas,
O nítido brillo das uvas no mes de setembro.

A idade foi furtando, ladroa a tempo enteiro,
A escasa transparencia, a pouca claridade,
Dos anos que viviches. E agora te contemplas,
Do cumio do teu século, baleiros os teus sacos,
En branco os teus cadernos, sen nada que finxir,
Ah farsante e falaz, mentirán, argalleiro.

Mais antes de chegares á praia da illa erma
Solícito corriches a brindes, a convites,
Entraches nos salóns, subiches aos palacios,
Soubeches do conflicto da esencia e da aparencia,
Da doxa e da aletheia.

Mais pouco dura a fama, e menos o renome.
Aplausos e aureolas, honores e prestixios,
Moi logo han sufocar o lume das túas brasas,
E a pira será cinza, borralla aquelas lapas.

Só agora tes, por fin, nupcial, a túa verdade:
A morte que iguala do morrer na sorte
Aos altos reis cos baixos labradores.