Maquillaxe

Beixarte, cando accedes ao goce, servicial,
Despois dalgunha tarde sublime de abandono,
É sempre libar cremas, aceites, coloretes,
Cosméticos, carmín e lípidos e pringues.

Oh máscara do amor, que sempre así te ofreces!
Por que pincelas tanto a fresca mocidade?

Café La Habana

Mal poden recordar aqueles que acenderon
O outono coa súas lámpadas de chuvia
Que aquela vella casa, agora derrubada,
No límite do inverno, posuía algún espello,
Sen dúbida embazado de tanto resplandor.

Antigos propietarios en anos xa perdidos
Alí deron cabida a mestres da canción
E foi posible oír discursos e baladas,
Sublimes cantinelas,
Pianos, mandolinas,
Silencios de acordeón.

Sorprende en que maneira as nosas grandes urbes
Se esquecen do que foron e soñan proxectar,
Alén desa fronteira dos anos do porvir,
Un eco devastado da súa propia historia,
Acaso avergoñadas de teren sido humildes,
Famélicas, misérrimas.

Eu quero agora erguer a copa para dar
Un último saúdo ás pedras silenciosas
Que nunca darán conta da música que oíron
E acaso xa non gardan sinais daqueles fumes
De habanos mesturados con alcohol.

Que sexa así de simple a honra derradeira.