Comentario de texto do poema anterior, intitulado “Poema definitivamente inadecuado para a gloria do seu autor”

Estase a constatar que o vello que apregoa
as épicas da vida, as glorias da existencia,
prefire relembrar os males coñecidos
que abrirse ao limpo gozo das augas do presente,
obter do tempo vivo o seu proveito.

Así que a fermosura, a plácida beldade
da dama que o acompaña, suposta moza branca,
mal pode compararse coa fusca, coa soturna,
sombría marabilla das dores padecidas,
deleites da derrota e do fracaso.

Por iso o que se canta non é o tempo grato,
non son as doces horas, minutos de pracer,
senón os distintivos, emblemas e estandartes
que os anos foron pondo no peito do varón,
matices que engadir ao gran significado:
É certo que merezo nupcial gacela branca
en horas de vellez pois souben resistir
da morte os seus embates, do óbito o seu signo.

Poetas, compredede. É tempo de deixar
ridículos lamentos, narcísicas medallas,
materias do delirio que acende a biografía,
e xa dese tiránico suxeito liberados
o mundo comprender coas artes como vidro,
cristal que, transparente, amóstrenos baleiro
o tráxico escenario do teatro.

A ti, autor do texto, só podo censurarche
que empregues o teu tempo en artes tan carentes
de outono e melodía.

Poema definitivamente inadecuado para a gloria do seu autor

Agora que no fondo da tarde se derruban
as luces do solpor e o Miño prateado
de plácida maneira repite na súa lámina
a mesma combustión de brancos, de vermellos,
azuis que se escurecen, e eu teño nunha man
un cálice dourado de viño delicioso
e na outra man a túa tecendo unha grinalda
de días que han de vir, permíteme que deixe,
sequera por un intre, tan grata situación
e, absorto na linguaxe, celeste, conmemore
o triunfo da túa pel, o gozo de xa ter
gañado esta batalla, o xúbilo que ofrecen
as chairas alongadas do ventre e os outeiros
redondos do teu peito a un vello combatente
que en outros horizontes feridas recibiu,
perdida a súa bandeira e os ferros do poder
e o escudo da milicia, e soubo da fatiga,
do peso da derrota, do longo dos camiños
que debe un moribundo, insomne, percorrer,
por ver de achar remedio, resposta, explicación,
á infame balacea do desprezo.

Aqueles que, educados na mílite moral
da tropa e o concerto, soubemos combater
as dores do desastre mal damos arranxado
as doces melodías da victoria.