Gloria Swanson 1899-1983

Ela foi como ningunha o solpor das divindades.

Non houbo vento frío, nin xélida mañá,
nin barco naufragado, nin roupa a clarexar,
que abrise algunha porta ou sombra sen permiso,
sen venia para encher o corpo de tristeza.

Pois todo estaba aberto no pozo dos incendios,
o saco en que deitamos as tebras que se acenden,
a alfombra en que pousamos os pés para chorar.
E todas as mensaxes pegadas nun espello,
pegadas na xanela que daba para o sur,
que daba para o campo da flor do esquecemento.

Non houbo corpo frío,
nin roupa de mañá,
nin porta naufragada,
nin vento sen permiso.

Ela foi como ningunha a xanela dos incendios.

Sepharad

Como hei trobar, oh íntima Toledo,
a xoia dos teus mármores, o voo
e a fragancia do teu corpo de oliva?

Como as aves que sulcan o ceo debuxando na brisa unha ponte
e a soidade dos ríos que baixan ao encontro do esteiro?

Coa tristeza do eco que deixa o rabel
debuxando suores de incenso?

Non. Mellor será que te garde
para o canto do ouriol.

 

De O regreso das ninfas, 1985

Marqués de Sade

Ben podes hoxe, Lidia, despois de que a bogada
No leito deste prado dispoña a servidume,
Deitarte xunto a min, deixar que a miña boca
Se sacie percorrendo os límites da carne
E chegue a esa fronteira, de Umbría ou de Bohemia,
Que sempre foi morada de damas epicúreas,
Gozosas, deleitables.

Se aínda, libertina, desexas proseguir
Sabendo que nos ollan as núbiles criadas,
Que sofren xa de afogos ao ter que contemplar
O xeito en que resposta o instinto ao teu reclamo,
Non fagas que se afasten, non deixes que se cubran.
(Chegar alén daquilo que en si xa está vedado
Foi sempre unha victoria da propia liberdade).

E que elas tamén gocen ollándonos gozar.