Clara Bow 1905-1965

soñei que regresaba con ela a outro país
un barco transportaba na néboa a nosa voz
e eu tiña unha carteira con símbolos gardados
un saco con especies e restos de mazás

non sei o que dicía mais podo recordar
que ardía entre o cabelo e a luz dalgún silencio
e ás veces cando entraba no inmenso restaurante
botábase a bailar botábase a sentir
a música que viña nalgunha caixa rota do sur do esquecemento

non puido ser durou o que duraban daquela as travesías
mais sei que alá no fondo dos bosques da memoria
no límite da fraga que un poida camiñar
ardendo como un faro no inferno dos recordos
están os nosos corpos escuros e abrazados
escuros e dispostos de novo para o século

Edna Purviance 1895-1958

alguén debeu pensar que aquela era unha boca distinta e sen carmín
os labios como un froito da árbore do amor
o queixo como a proa dun barco moi antigo
os ollos como lúas satélites a dar
mil voltas sobre o ceo que a cámara filmaba

mais todo era ficción o voo dalgún fantasma as luces estreladas
e a flor que se esparexe en pálido xardín seguindo unha derrota
e vai ciscando lavas de abril e primavera
ciscando unha guitarra que arde e fai fuxir
paxaros como hortensias no límite das augas

porén todo se apaga por hoxe xa chegou
mañá será outro día
así traballa a industria de filmes de ilusións
así se inventa o mundo

tamén por iso brillan as sombras desta dama

Constance Cumming 1910- 2005

Non houbo nada nela que houbese que esquecer.

Un rostro pode ás veces gañar esa brancura, verter a palidez
do tempo derrubando castelos e palacios, gobernos e fronteiras,
e ser como un milagre de lóstregos soñando,
de lóstregos rompendo os círculos da historia.

E nela foi a luz un río de prodixios.

Lembrámola facendo Glamour, unha película
de músicos e mozas coristas que procuran
a lámpada da gloria.

A neve tivo nela un eco e un espello.

Barbara Lamarr 1896 – 1926

Dicían que levaba tatuada unha canción na fronte da súa alma,
un voo de clarinetes nevando sobre a chaira da década feliz,
un vento de motores batendo contra o fondo dun mar sen horizonte.

Tamén que padecía exceso de beleza e o vicio sideral
do azucre e dos narcóticos.

Deixou vinte miradas e un xeito de pintar
os labios como entrando nun templo ou nunha torre.

Dos filmes que gravou lembremos este título:
O Corazón dunha Sirea.

Louise Brooks 1906 – 1985

Entón Ela desceu do alto do faiados
e quixo coñecer as cifras da devacle,
os nomes que caíran xunto á beira dos ríos
como alas de páxaros
e darse algúns dos títulos e emblemas
que ficaran gravados no alto dos brasóns.

E ollouse ante os espellos quebrados de Hibernia
e dixo para si:
– Eu son Ela, a dos corvos, o último vestixio da negra liñaxe.
– Ela Triste, a bágoa que caiu dos ollos do meu rei derrotado.
– Ela Azul, o ceo que aínda se entolda coas néboas da mañá.
– Ela Virxe, a terra que non furan as cobras e as toupeiras.

E viuse tan fermosa con todos os galanos
que deu en celebrar con bailes os seus ollos
e alí ficou danzando sen medo do solpor.