Interpretacións de Claude Lorrain – 7

Así que agora estamos sentados frente ao mundo
Ollando como a lúa devala no horizonte
Sen nada que facer. Espléndida preguiza.

Os ecos do vivido esbaran xunto a min
E teño entre as materias celestes da tristeza
Madeiras para arder, remorsos clausurados.

Por iso esta distancia do mar que se espreguiza
Acouga o meu bulicio, acala ese ruído
Dos meses derrotados na loita de sentir
A música fulxente, o cántico inflamado.

Será que na visita das grazas de Minerva
Hai sempre unha sublime quietude de silencio,
A calma e a frialdade impávida do voo,
A flema e a firmeza dun plácido sopor.

Por iso estou durmido, folgando enteiramente,
Deitado fronte ás ondas dun mar que non se enleva,
Acaso consumida a flor da mocidade,
Prudentes os delirios, discretas as paixóns.
E a noite esparexendo distante flor de lava.

Narciso

A torre foi entón un oco fronte ao mundo,
Lugar para o silencio, estancia do baleiro,
Un cuarto sen ornato, o branco das paredes.

Alí ninguén chegaba. Só un día atrás de outro
Saían as palabras, os soños, os recordos.
E pouco máis había naquel desdebuxado
Recanto para o olvido.

Así, desocupado, sen mobles e atavíos,
Fiquei libre de min, señor e maxestade
Dun reino que perdera confíns e territorios.
Imperio reducido a un mínimo lugar,
Dominio sen herdade ou patria sen facenda.

Por iso unha mañá logrei ollar o espello,
A lúa que fulxía no azougue do cristal,
O vidro máis opaco fundado nas orixes.

Perdera no camiño celestes municipios,
Provincias desoladas, distritos doloridos,
Comarcas abatidas, palacios de fatiga.
E aínda outros enseres, trebellos, utensilios,
Inútiles e tristes, caducos, inservibles.

O espido viaxeiro, xa náufrago e perdido,
Chegaba entón ao núcleo, á médula do centro.