TEORÍA DA IMAXE

O certo é que pasei o curso dos meus anos
Atento ao percorrido das nubes sobre o ceo,
E que esa foi, sen dúbida, a imaxe que mirei
De marzo ata febreiro, de neno, de maior,
Con máis intensidade.

Aqueles que teorizan do mundo visual
Os usos e problemas, tamén deben saber
Que foi o firmamento a básica pantalla,
O lenzo no que a ollada máis veces se pousou,
O mar ou o cristal, o lago e inda o espello.

Así que, cando, absorto, contemplo a formación
De nubes que lixeiras ao leste se dirixen,
Medito se non son de súpeto o resumo
Dos feitos, das vivencias, dos fados e naufraxios,
Que alguén, de xeito abstracto, cubista, debuxou
Sumando cada imaxe posible, cada sombra,
E que ese filme inmenso, sublime, interminable,

Contén a nosa cifra, a rúbrica, a cuantía,
O cálculo impecable do noso vacuo voo.

CARL GASPAR FRIEDRICH

A torre está erixida no linde do país
Fronteira coa distancia, confín dos horizontes,
E asoma entre a fariña do mesto neboeiro.
Xa clásica, rotunda, bastión da liña recta,
Xa gótica e esguía, a altura a ameazar
O lenzo esvaecido do opaco firmamento.

Por medo de chegar despois de que o solpor
Solemne precipite o val na escuridade
Absortos camiñamos, erguidos sobre a altura
Dos campos que en caída asoman baixo nós,

O ascenso limitando o faro da mirada,
E sente o viaxeiro preguiza de seguir,
Vontade de ficar a ollar esta paisaxe
Por séculos e séculos, á espera de que o inverno
As árbores desvista, e brancos atavíos
De neves esparexa nos prados, nos panascos.

Mais temos que seguir, a sorte está botada
En branco taboeiro e todo se reduce,
Brancura e negritude, a abrir o portalón
De prístina madeira ou ter que desandar
Cansados a ascensión, e sempre coa premura
Da noite que se achega, da luz que xa se esgota.

Oh tráxica Alemaña, romántico país,
Tamén o teu destino por veces se asemella
A aquel dos camiñantes, sublime na túa altura
Mais sempre ameazada na febre dos abismos.