Pianos

Se os homes foron quen de abrir na escuridade
Un fío de lumínicas materias
E nelas acender o estralo de mil lumes
No esforzo máis ousado de atinxir
O voo da claridade…
Gozosa vía láctea de vidros estourados,
Metálica explosión no ventre da madeira,
Cristais que se aventuran nun grito que abre a chuvia
E logo fundan peixes e pombas e torrentes
E mesmo son o espello que aniña sixiloso
As pingas máis lixeiras da saudade,
Daquela será certo que estamos a falar
Soamente de pianos.

Pianos, clavicordios e cémbalos e claves,
Os fillos máis lonxevos da mesura,
Do cálculo e a conta, do número e o ritmo,
Acuático bater da chuvia con martelos
E vidros escachados nos mármores e fontes
Que harpexian un murmurio de páxaros e pasos.

Pianos como louzas lanzadas contra a tarde,
Tamén como explosións de bátegas, peneiras,
E mármores que baixan do xelo entre volupias. 

Pianos como lámpadas, tamén como medusas,
O voo dunha lanterna en noite de nevada,
Harmónico metal.

Se a historia dos humanos se cinxe a algún deseño
Que teña como fin o encontro do prodixio,
O achado dun obxecto que amostre a conxunción
Do gozo e a medida,
Da norma e o deleite
Entón será preciso falarmos de pianos. 

 

de Lámpada e medusa, 2002

MENOSPREZO DE CORTE

Que grato este afastarse do paso dos humanos.
Non ter con eles roce nin trato nin afago
Nos montes adquirida a insólita elegancia
Daqueles entregados ás voces do interior
E ser das breves xestas que ao lonxe te contemplan
Tomado por un louco errante anacoreta
Nas tardes deleitarte co son dunha guitarra
Tanxida entre salgueiros na beira dalgún río
E encher este caderno con versos e palabras
Que leven o ruído do mundo unha canción
Disparo contra as fontes do ocaso do solpor
Feliz como eremita seguindo o meu camiño
Comendo máis ben pouco bebendo apenas auga
Xa sabio do misterio dos signos procurar
Silencio espazo luz abertos firmamentos

de Música de cinza, 2009