ARTE DE AFINACIÓN

image

Afino as cordas vellas da tarde no piano
E prendo unha candea de cinza ou de solpor.

Atrás fican impresas as túnicas de auga,
O lento refrixerio das notas a pingar
Un longo acorde fresco, sinais de que ha chover
Se antes non regresan as aves consteladas.

Levanto a tapa enorme da caixa sonorosa,
A caixa na que dormen os xeos e o fulgor,
E póñome a pensar se acaso non serían
Benéficos lugares pra darmos acollida
Ás aves africanas, aquelas a soñar
Nalgún lugar remoto cun voo de sono fráxil.

E así pasan as horas, seguindo a proporción
De escalas e de harpexios, o mesmo que se fose
A tarde unha columna do templo da existencia
E a noite un vello altar con deuses invisibles.

Vida de Claude Lorrain

image

Lorrain foi celebrado despois da súa partida.
Rendéronlle os honores dos santos e dos mártires
E todos acenderon candeas como signo
Da dor que lles premía no peito e na mirada.

E así Lorrain chegou á sona que evitara,
As cámaras centraron o foco nas imaxes
Dos tempos esquecidos e houbo quen logrou
Roubar da melodía do tempo unha fragancia
De cinzas e de chuvia, as mesmas que caeran
Nos días en que o mártir, o santo celebrara
Insólitas as nupcias coa Flor do Esquecemento.

Lorrain naqueles cadros sumíase na sombra,
Deitaba a súa figura nas marxes como alguén
Que oculta no visible das formas o baleiro.
E todos relembramos o xeito en que Lorrain
Gardaba o seu silencio, o mesmo que alguén garda
Diñeiros e divisas nun cofre acoirazado.

Lorrain xamais sería alguén para o futuro,
Alguén que cobizase a música dos signos.

Celebro pois agora a fama de Lorrain.
A lúa devalada que erguía como manto,
O signo de vacío que usaba como emblema,
Farrapos as bandeiras do exército vencido,
Das tropas derrubadas nos campos sobre a lama,
As tropas de Lorrain, escuro batallón
De sombras e silencio caído na batalla.

Lorrain, meu coronel, acaso xeneral,
Portando o seu destino de cinza xunto ao olvido.

A sombra do camión

Daquela oíu chegar a sombra do camión
Un buque devorado de chuvia e de ferruxe
Portando unha mirada de incendios imposibles
Un buque que era nave Ninguén para a tristeza
En caixas case rotas os líquidos da tarde.
Ninguén era moi neno choraba de vagar
Non tiña máis que lágrimas de vidro devalando
E fóra estaba escuro chovía sobre os ríos
Mollábanse de néboa de frío aquelas augas
E todo estaba alí disposto sobre o buque
Subido no camión do último transporte
Levado polo río no barco do silencio
As caixas que gardaban a chuvia cos seus vidros
E os vidros que levaban as fotos da tristeza.
Así que oíu daquela a sombra do camión
O buque debuxando a sombra que chegaba
A sombra como un frío de chuvia e de ferruxe.
E a tarde estaba alí parada contemplando
Parada a posuír cos ollos a tristeza
As caixas que levaban a néboa cos seus fríos
As caixas que gardaban as lágrimas da noite.

Interpretacións de Claude Lorrain – 4

Empéñaste en dicir palabras que de certo
Non han ficar escritas nas páxinas da historia
Mais sabes que é preciso, Lorrain, esparexer
A prata que refulxe no fondo dos vocábulos
Igual que se esparexen sementes sobre os campos,
E logo, polo outono, nas tardes en que aínda
Setembro se arrebata de sol e de calor
Pasares coa carreta e os cestos a coller
As flores que xurdiron, os froitos madurados.