PRESENTACIÓN DE “DE SOMBRAS E POEMAS QUE SON CASAS” DE X.M. ÁLVAREZ CÁCCAMO

Presentar a Xosé María Álvarez Cáccamo, de aquí en diante Pepe, na altura da súa plenitude persoal e creativa, cando aínda cabe agardar do seu talento unha enxurrada de novos poemas, mais contando xa cunha obra numerosa e extensa, non é tarefa fácil. En primeiro lugar porque un se ve tentado a facer unha presentación superficial, que non engada nada novo ao que xa sabemos sobre o autor, e non fai falta outra cousa que preguntarlle ao Google, o oráculo dos nosos tempos, para obtermos unha información detallada, mesmo moito máis detallada acaso que a que poidan vostedes obter aquí, no tempo que vaia durar esta presentación. En segundo lugar porque a segunda das tentacións non é outra que a de afondar no significado dos seus textos, da súa obra en conxunto, do propio Pepe dentro da nosa tradición literaria, da obra e do autor xuntos como signos dos nosos tempos, da Galicia que o autor leva habitando xa unhas cantas décadas. Sen dúbida, en alguén coma min, habituado a tentar extraer dos textos literarios algúns dos seus segredos máis recónditos, establecendo con eles un diálogo que lles dea unha nova vida, a segunda destas tentacións enumeradas sería a máis propia. Mais acontece que, nunha presentación dun libro, a amabilidade do público ten, tamén, un límite e sería un exceso pola miña parte tentar expor aquí nuns poucos minutos consideracións, ideas, valoracións, que acaso deberan ser formuladas nun contexto ben diferente, se cadra máis académico.

De maneira que o primeiro que deberíamos dicir aquí é que a obra de Pepe é xa, a día de hoxe, unha peza máis do vasto e riquísimo patrimonio cultural de Galicia e que, como todas as grandes obras, o seu sentido último, caso de poder ser algunha vez encontrado, vai diferir e diferir a súa presenza ante nós, durante décadas, séculos, esperemos que milenios. E que niso, xustamente, consiste a súa potencia, a súa talla moral, a súa elevada dimensión estética.

Ademais, logo de quince libros de poemas, dun libro de memorias, de varios libros de narrativa e de ensaio literario, a obra de Pepe adquiriu xa unha dimensión inusitada, polo voluminoso do seu corpus. Non foi frecuente na nosa tradición literaria máis próxima que os autores e autoras se prodigasen en exceso, malia os extraordinarios exemplos de Ramón Cabanillas, no ámbito da poesía, ou de Ramón Otero Pedrayo, no da prosa e do ensaio. Así, moitos dos nosos clásicos, comezando polo caso ben singular de Meendinho, autor dun único poema que, ademais, debido á retórica reiterativa da cantiga de amigo, co emprego do refrán, do leixaprén e do paralelismo, contén, certamente, unhas poucas palabras, foron, eses nosos clásicos, digo, autores de obras reducidas, sen que iso lles reportase prexuízo ningún á hora de seren exemplares e memorables e serviren, ademais, como semente sobre a que frutificarían outras moitas obras. O exemplo de Manuel Antonio, poeta, como se sabe, truncado en plena mocidade pola tuberculose, converteuse, neste sentido, nunha das bandeiras máis erguidas da nosa contemporaneidade e os seus poemas, unhas poucas ducias, serviron de modelo para que outras tantas ducias de poetas, entre eles o propio Pepe, acollesen moitas das súas consignas e construísen a partir delas algunhas das páxinas máis vizosas da nosa tradición literaria.

Quede claro, pois, que a obra de Pepe singulárizase, desde xa, pola súa dimensión. E isto é un indicio que nos fala do tempo en que o autor viviu e vive. Un tempo caracterizado por ser o período de maior extensión de todos aqueles en que á nosa literatura lle foi permitido producirse e multiplicarse. Non fará falta relembrar aquí as enormes dificultades que os autores e autoras que foron construíndo este edificio colectivo e nacional, que é, desde hai xa algún tempo, o primeiro territorio libre de Galicia, tiveron que superar para dar a coñecer os froitos do seu enxeño, as luces da súa intelixencia. Nin tampouco mencionar a ameaza que segue a pender sobre toda a nosa arte literaria, tal espada de Damocles.

A primeira vez que vin a Pepe Cáccamo, xa van alá trinta anos, os dous tivemos claro que nos unía un proxecto de construción dunha obra literaria, un proxecto rigoroso e delongado no tempo que non debería ter máis límite que o do noso talento e o da nosa imaxinación. Recibíamos, por tanto, os dous, xunto con outros queridos compañeiros e compañeiras de xeración, a encomenda de fortalecer o noso patrimonio cultural non tanxible, de engadir novos banzos a esa longa escalinata que nos conduce a deixar como herdo unha marca indeleble da presenza da Galicia desta época no mundo. Creo que a nosa xeración, a Xeración dos 80, foi fiel a esa encomenda, levou a cabo con constancia e seguramente con talento a procura dese obxecto máxico que foi o poemario abraiante, o poema extraordinario, e que, ao cabo de trinta anos, podemos estar agora aquí para recoller algúns dos froitos desa colleita, como este libro que hoxe presentamos.

Podo deixar constancia persoal de que Pepe foi consciente desde moi cedo do sentido fondo desa frase lapidaria de Bourdieu, que rememora Antón Figueroa, segundo a cal “nun campo que chegou a un certo estado de evolución non hai sitio para os que ignoran a historia, para os autodidactas, para os orixinais illados”. Qúerese dicir que unha das primeiras operacións de Pepe, no momento en que tomou a decisión de escribir na lingua do país, foi a de coñecer en profundidade a súa tradición literaria. E isto que era, en principio, un recoñecemento aos mestres devanceiros, era tamén un exercicio de humildade e de procura e posesión de coñecemento. Deste estudo da nosa tradición Pepe conseguiu extraer numerosas conclusións que atinxen a varios aspectos claves da súa poesía. En primeiro lugar unha antoloxía de poetas e poemas venerables cos que, tempo despois e mentres ía desenvolvendo a súa obra, entrou en diálogo, construíndo un coloquio de resonancias que han perdurar. Desde os poetas numerosos da súa propia familia ata poetas, chamémoslles multidisciplinares, como Urbano Lugrís, poeta tamén do trazo e do cromatismo, desde os poetas do pasado aos poetas do presente, desde os poetas de Galicia aos poetas de Portugal, desde os poetas de España aos poetas do mundo, desde Antón Avilés a Uxío Novoneyra, desde Xavier Baixeras a Ramiro Fonte, desde Herberto Helder a Nuno Júdice, desde Antonio Gamoneda a César Vallejo, desde Lorca a Álvaro Cunqueiro. E a enumeración podería ser moitísimo máis longa.

Como os escritores de todo tempo e lugar, Pepe considerou na altura dos primeiros anos oitenta o significado de ser escritor galego nese momento, qué cabía esperar desa aventura nun país atormentado cultural e lingüisticamente durante séculos, e cales eran os trebellos precisos para acometer esa viaxe. Tiven a fortuna de ser testemuña e de participar en numerosas ocasións dese debate.

Había dous grandes retos. En primeiro lugar, darlle a Galicia unha literatura normalizada, que puidese prodigarse en calquera das temáticas inscritas no repertorio da literatura occidental e que, ademais, en segundo lugar, ao facelo, elaborase un rexistro definitivo do que debería ser a nosa a lingua de alí en diante. Tratábase, por tanto, dunha ofensiva en dúas frontes ben diversas. Por unha banda a estilística, que termaba de lograr unha lingua coidada mais non por iso excesivamente afastada do rexistro coloquial, que gardase tamén como herdo o eco da poesía anterior, e, por outra banda, a fronte literaria, construíndo un discurso que estivese desde o primeiro momento en sintonía co mellor das literaturas que daquela se estaban a facer no mundo. Co primeiro destes afáns cabe vincular un dos primeiros traballos editados por Pepe, aquel, antiquísimo xa, Galego Cero, que vén ser a pegada textual deixada por un proceso persoal de actualización lingüística que naquela altura era demandado pola sociedade en xeral.

Así que a obra de Pepe foi, desde ese mesmo momento, consolidándose en base á contraposición de dúas actitudes ben diferentes. Por unha banda unha actitude apolínea, clásica, de rigor formal, que fomentase a presenza dun discurso merecedor de ser algún día gravado en mármore. Por outra banda, unha actitude dionisíaca, barroca, romántica, surreal, que apostaba por continuar a indagación dos dominios temáticos que abrira a tradición máis escura da poesía occidental e dese conta dunha presenza continuada, aínda que contida, do inconsciente, fomentando atmosferas oníricas, espazos e tempos rememorados entre néboas e sombras, evocacións sempre nas que a razón non era quen de indagar coa suficiente claridade e por iso precisaba botar man da intuición, da epifanía, do arrebato lírico, da desmesura e da distorsión para así poder apropiarse de momentos mesmo non vividos mais transferidos por seres próximos.

Na primeira destas actitudes, a apolínea, podemos observar, ao longo destes trinta anos, unha certa oscilación, sobre todo no que atinxe ao aspecto métrico do verso, máis clásico no inicio, con presenza de hendecasílabos e alexandrinos, e máis libre posteriormente. A evolución da forma dos textos poéticos de Pepe pode ser posta en relación coa súa obra artística en xeral e, concretamente, con eses obxectos poéticos que o poeta elabora a partir de materiais diversos, case sempre provenientes do excedente ou do lixo da nosa sociedade industrial, e aos que o poeta consegue encontrar sentido, dentro dunha alegoría xeral do mundo que o poeta vai construíndo pouco e pouco. Así, a forma máis canónica dos seus primeiros poemarios contrasta coa investigación expresiva e o experimentalismo que se acrecenta a partir de mediados dos noventa. O poeta encontra entón un novo voo, lonxe dos rumbos, máis ou menos prefixados formalmente, perceptibles en poemarios anteriores, e nese novo voo asoma unha dicción a un tempo depurada e espontánea. O poeta está entón na plenitude, e o seu dominio da harpa do discurso permítelle pasar directamente ao canto, sen case ensaio previo. Isto redunda nunha maior frescura e naturalidade. Desde a miña perspectiva esa mudanza, ese cambio, dáse a partir de Calendario perpetuo, publicado en 1997. Se hai un primeiro ciclo comezado en Praia das furnas, de 1983, e rematado en Cimo das Idades Tristes, de 1988, o segundo ciclo, que comeza con Fragmentos de mar, de 1989, e O Lume Branco, de 1991, chega a esta consolidación de que estamos a falar.

Na segunda destas actitudes, a dionisíaca, podemos observar tamén outra certa oscilación, cando o elemento surreal cede na súa presenza, aínda manténdose na imaxe, para dar cabida á expresión do horror, mesmo co desgarramento da conciencia que se esforza en ollar directamente o rostro da barbarie e da morte. Desde esa posición, a da loita pola redención dun pasado que regresa e que semella continuar a gritar demandando ser oído, o poeta logra un dos seus cumios expresivos, dificilmente repetible. Estamos a falar de Os cadernos da ira, de 1999, un libro estarrecente e que nos convoca unha e outra vez na relembranza aquela frase de Marx, repetida logo por Benjamin, de que “todo documento de cultura é, asemade, un documento de barbarie”. A cultura galega contemporánea, como tantas outras culturas sometidas, é, en si mesma e por razóns históricas, unha expresión da barbarie, isto é, da barbarie que xorde de ter que manifestarse en condicións de desigualdade con respecto á cultura dominante, á cultura colonial. Deste xeito, calquera documento de cultura galega asume a caracterización que Benjamin ideou, de maneira que tanto a súa produción como a súa transmisión realízanse en condicións de barbarie, de explotación, de humillación, de subalternidade.

Contra esta barbarie, contra esta subalternidade, revélase a obra de Pepe desde o seu inicio ata o seu final. E o seu carácter de denuncia non brota só daqueles textos en que aparece unha temática explícita, senón tamén daqueles outros en que o seu poder evocador e máxico nos revela unha outra forma de vivir, posible e desexable. Pepe é, neste sentido, un escritor do futuro, do futuro que procura toda a tradición galeguista desde finais do século XVIII e que hoxe volve ser novamente obxecto de persecución.

De maneira que estes dous elementos sinalados no inicio, o apolíneo e o dionisíaco, semellan compensarse mutuamente ao longo do tempo, graduándose dunha ou doutra forma nunha época ou noutra, gardando entre os dous un equilibrio, que continúa ata o momento presente.

E todo isto cunha imagoloxía moi peculiar, procedente na súa maior parte do surrealismo, propia dun oficio que se exerce como especulación coa propia conciencia, aproveitando ese saber lingüístico do inconsciente para formularse. O poeta acode á súa cita coa linguaxe sabedor de que nela está o verdadeiro oráculo, e desta reflexión sobre o comportamento da linguaxe no interior da propia conciencia asoma unha poesía de amor pola sorpresa, polo estrañamento. O poeta titula así a súa antoloxía, botando man dun verso, De sombras e poemas que son casas. E o lector non debe deixar de reflexionar sobre esta equiparación que se suxire desde o propio título entre as sombras, os poemas e as casas.

Debemos sinalar, ademais, que, logo de trinta anos de dedicación intensa á poesía, coa redacción e publicación de numerosos poemarios, o que implica unha dedicación constante á propia obra e unha reflexión diaria, continuada durante todo ese tempo, sobre o sentido da súa palabra, unha antoloxía feita polo propio autor é a un tempo selección e olvido. Cabe preguntarse entón por que o autor, logo de trinta anos, resumiu algún dos seus libros nuns poucos poemas. En que medida, e desde a altura do presente, eses poemas seleccionados sobresaen sobre aqueloutros deixados no silencio.

Eu sei que esa pregunta non é fácil e que obter unha resposta é máis ben labor dos críticos que do propio autor. Entre outras razóns porque para o poeta resulta enigmático o feito de que un verso escrito hai moitos anos siga a dar voltas e voltas na memoria, mentres outros, acaso mellores, acaso máis sinceros aparentemente no momento de seren escritos, foron ficando no esquecemento ata o extremo de non recoñecérmolos no presente como propios. Mais creo que este ver a palabra como a voz de Outro é algo consustancial ao discurso dos poetas. Pois certamente na poesía sempre é o Outro o que fala, o que dirixe as nosas sentencias, o que executa todos e cada un dos nosos cantos. Ao cabo do tempo ese Outro vai cambiando como cambian todas as cousas, e é o Outro actual, o Outro antólogo, aquel que desde o momento presente anda á procura de si mesmo entre todos os Outros habidos ao longo do tempo, á procura da súa coherencia, da súa integridade, aquel que leva a cabo a selección, que é tamén un espolio. Digamos que unha auto antoloxía non é máis que un exercicio de identidade perante ese Outro que semella ir ocupando a propia obra, unha vez que a emoción e o raciocinio que nun tempo determinaron un concreto fluír de palabras pasaron a ser materia do olvido, síntoma do esquecemento. Rescatar entón eses fragmentos é entón signo de que xa o tempo, que todo consome, anda a ocuparse dos outros textos, acaso necesitados doutra redención específica.

Sen dúbida ningunha o construtor dunha antoloxía, neste caso o propio autor, convoca o tempo da escolma, o tempo da selección que dá lugar ao volume, dentro da marca histórica que contén todo poema, de maneira que unha antoloxía non deixa de ser un novo texto de autor, un texto que é lugar de presenza da Historia aínda que a partir da nova disposición de textos xa escritos, previamente existentes noutros contextos.

O concepto baktiniano de dialoxía, ou dialoxismo, que asoma agora aquí en relación co proceso antolóxico, implica que cada palabra, unha vez dita ou escoitada, só encontra o seu sentido a través do diálogo establecido con todas as outras palabras existentes. E o mesmo poderíamos dicir do poema. Pois todo poema ocupa un lugar e adquire un sentido dentro do sistema de significado que institúe todo poemario e aínda, alén diso, toda obra de autor. O poema, por tanto, aliméntase dos outros poemas, tanto os presentes como os ausentes do mesmo volume, actúa contra eles procurando sentido, habilitando outras vías de achegamento ao poético, matizando ou amplificando determinados ecos. Nese sentido, o significativo dunha antoloxía non é tanto o que contén como o que ignora. Non tanto aquilo que restitúe no presente como aquilo que semella querer deitar no esquecemento ou reservar para posteriores operacións de salvamento. Mais isto, obviamente, sempre desde a perspectiva do antólogo, que neste caso, non é outro que o mesmo autor. Así, unha antoloxía, como a que hoxe presentamos, non é máis que o diálogo do autor coa súa propia obra, nun determinado momento da súa evolución persoal e creativa, e invita, ao lector analítico e interesado, a reler a totalidade da obra de Pepe.

E hai un dato que nos fala claramente deste carácter de nova obra que ten toda antoloxía de autor: o libro pode lerse como unha unidade, como un continuum no que todas esas tensións evolutivas que vimos de sinalar aparecen convenientemente puídas, ocultando as súas arestas, os seus gumes afiados, construíndo, por tanto, unha ilusión de obra total, un libro irrepetible que tardou trinta anos en ser escrito e polo que o autor non puido, non soubo, non quixo agardar, entregando, por tanto, versións parciais e incompletas aos editores, á espera de que o tempo fose decantando finalmente esa obra plena. Mais ese continuum non é mais que o resultado da presenza desa conciencia de autor escolmando a propia obra nun punto determinado da Historia, nun punto determinado da súa propia historia persoal. Noutro momento, quizais dentro dalgúns anos, o mesmo autor procederá a elaborar unha nova escolma e, seguramente, entón o resultado será ben distinto deste.

E creo que aí é onde radica o valor importantísimo das antoloxías de autor, no feito de seren pausas no camiño para recapitular, para reconducir o percurso que é, neste caso, tamén un discurso.

Creo, sinceramente, que obras como a que Pepe leva trinta anos construíndo paga a pena lelas na súa totalidade, de principio a fin, saboreando todos e cada un dos seus pormenores, e creo tamén que esta antoloxía é un bo punto de partida para iniciar esa singradura, ese deixarse querer pola palabra, polo discurso, alucinado e iluminativo a un tempo, que é sempre o discurso poético.

Xa para rematar, resulta obrigado felicitar ao editor deste volume, Francisco Villegas, polo acertado da súa elección e pola fermosa solución gráfica que lle deu ao libro en tanto que obxecto e a Cándido Meixide pola calidade acústica do cd que o acompaña. Nestes tempos de certa escuridade para a progresión da nosa cultura e da nosa literatura é certamente un alivio delicioso saber que, desde instancias como Edicións do Cumio, se segue a apostar pola edición da nosa mellor literatura.

Moitas grazas.

CASA DO LIBRO, Vigo, 29 de novembro de 2010