ESCURA LADAIÑA: na morte de Francisco Fdez. del Riego

Dispón as flores murchas do tempo que pasou
Á beira dos altares da tristeza
E invoca os vellos deuses, tanxidos polo fume,
Insólitas deidades de cobre e de ferruxe.
E inicia unha pregaria, escura ladaíña,
Rosario de paixóns, de dores relembradas,
Tecendo unha grinalda de prístinas cadencias.

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

A noite que comeza disponse a acompañar
O ritmo dos tambores e das queixas.
Resoan polos montes os líquidos do canto,
Ecoan entre as herbas, na lástima das árbores,
As fotos de aforcados nas pólas das maceiras,
As fotos dos que foron un día fusilados,
Aqueles que deitaron o sangue sobre o chan
Da terra que cantamos. E escóitase dicir:

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

E fórmase daquela a longa maratón.
Os corpos arrincados da terra entre saloucos
Debuxan con borralla un signo pola néboa
E brotan cabaleiros un pouco transparentes,
Cabalos acendidos de vidro e de cristal
Que dormen sobre o fondo dun acuario.
E todos van gritando na brétema a consigna:

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

Así medran as pústulas das tardes de novembro,
Así lle mente o olvido á xente namorada,
Así morren nas torres os últimos poetas,
Non eses derradeiros que aínda non naceron,
Esoutros que camiñan de par contra a distancia.
Por iso medra a noite nas gándaras e prados,
Paxaros abatidos nun leito de tristeza,
Erguendo un asubío nos círculos da noite

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

E arrincan entre as voces metálicas os coros,
Motores que se acenden no límite do río,
Dinamos que iluminan a láctea travesía
Dos astros cara ao fondo de occidente,
Rezando polos mortos, oh aqueles que chegaron
Ás illas que limitan o Miño cara ao sur,
Cadáveres inchados de anémonas e placton.

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

E veñen multitudes de mortos a chorar,
Estrañas procesións de cans e falecidos,
E monxes afogados en pozos por abril,
E monxas namoradas da lúa por setembro.
Limítanse a beixar as chagas dos feridos
Por balas ou espadas. E isto din ou cantan:

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

Tamén veñen os músicos, antigos trompetistas,
E aqueles que tanxían nas cordas do laúde
Nacentes melodías de cólico e silencio.
Acaso os que deitaban na flor do clarinete,
Escura como os ébanos que arden no seu eco,
A dalia derrubada dun vómito de sangue.
Talvez os pianistas dispostos contra o escuro
Da cova en que dormitan os baixos en novembro.

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

Castiga os teus delitos, os libros que escribiches,
Os pozos en que fuches deitando os teus fracasos,
Os labios que deixaches beixando algún espello,
Os brazos que te ergueron en árbores de gozo,
E déitaste a tocar as mans dalgún recordo,
Arrinca algún anel, sortellas, tristes selos,
Nostalxias que acenderon borralla sobre o chan:

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

E todo vai deténdose o mesmo que un camión
Pesado coa súa carga de vómito e tristeza,
Camión para emigrar cos sacos da derrota
Seguindo algunha estrada de flores de papel.
Aquel camión perdido que un día regresou
Xurdindo dunha foto gastada de silencio.

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

E así como no incendio das vellas melodías
Hai sempre unha gastada penumbra de metal,
Pigmentos de mercurio queimando as cartolinas
Dalgún retrato impreso con lástima da luz,
Tamén para os meus ollos feridos polo ocaso
Existen leves sombras de soños que perdín,
Segmentos de materias opacas que derruban
Os séculos dos séculos en tristes palanganas.

Qué pouco nos amaron
E canto era preciso.
E nunca se aliviou
A dor que nos enchía.

Ai noite, chega cedo, axiña te apresures,
Impregna co carmín noxento dos teus labios
A carne traspasada de luces e de lume,
Os soños que ficaron do neno aterecido,
Aquel que outrora foi no fondo dos roupeiros,
E toca no piano dos astros no confín
Escura melodía.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s