Interpretacións do cadro de Munch – 2

 

Ignora en que momento da vida comprendeu
Que todo está impregnado de cinza e de tristeza,
O mesmo que se un día a néboa se abatese
E lenta esparexese o corpo contra as casas.

Debeu de ser moi cedo, acaso cando aínda
Había nos seus ollos sinais de mocidade,
E, inxenuo, transportaba bagaxes de alegría,
Carretas con fragmentos de outono na vendima.

Debeu de ser alí, naquela casa antiga,
Que adorna co seu corpo algúns dos vellos soños.
E acaso coincidise coa morte do verán.

Non sei que libro lía, se acaso era un volume
De páxinas ou tardes.
Mais pode que nalgunha
Daquelas personaxes erguidas da preguiza
Houbese unha trompeta, un signo de emoción,
Algunha melodía fundida no silencio,
A queixa dun oboe, o grito dunha tuba,
Pois tiñan esas vellas historias unha música,
As longas harmonías da tarde e do solpor.

Por iso lía tanto nos libros da tristeza,
Nos libros que gardaban os días como páxinas,
Volumes que impregnaban de torres e de pozos,
Tamén de chemineas, tamén de soidade,
Aquel entrar no mundo que logo foi fuxida.

Así que lía moito nos versos do solpor.

Chegaron logo néboas e incendios que duraron
O mesmo que duraban castelos e murallas,
Mil días xunto aos ríos que había atravesar
Despois de que selase con pánico os seus labios.

Por iso cando logo chegaron as cancións
E algunha cantinela no íntimo das tardes
El soubo que se abría por fin unha distancia.
E fíxose feliz e viaxeiro, fugaz como unha ave,
Sereno e fuxidío seguindo unha derrota,
Seguindo algunha estrada de costas ao silencio,
Por veces un guerreiro con verbos como armas,
Por veces eremita no centro das cidades.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s