Salmo do viaxeiro

I

Oh ti que errante vagas, seguindo algún camiño,
Con pasos que han ficar inermes sobre a terra,
Inútiles sinais sen tempo nin espazo,
Repara neste túmulo erguido pra acoller
O corpo dun que outrora foi célebre e moi caro,
Por todos referido, por todos ben gabado.

Qué foi dos seus orgullos e qué das vaidades,
Ou qué da súa soberbia ou qué do seu desprezo,
Que todo imperio abaixa os cumios sobre a terra,
Desdén ou altivez, empaque ou arrogancia
Axiña perden lume, en cinza se esvaecen,
E todo en po deriva, honores, presuncións,
E ínfulas rematan en tristes refugallos.

Que toda poza seca e todo fogo abafa
E nada está sostido en cordas que non rompan,
Un día ou outro día, un mes, unha semana.

Repara logo, oh ti, que lento te aproximas,
Feliz no teu vagar, errante no teu voo,
Por riba dos valados, de hortensias e fracasos,
Nos cólicos que a vida dirixe contra os homes,
No xeito en que as espadas que ás veces envaíña,
Conflúen finalmente no ventre desarmado,
E vísceras e sangue, tamén o corazón,
Afogan o seu longo bater para deixarte,
Caído entre papoulas nun prado mentres chove.

Oh lástima de todo, inútil a vontade
De ser para o porvir, de abrir novos camiños,
Que todo finalmente se para ou esvaece.

Contempla, pois, feliz, meu vello viaxeiro,
Que longos anos levas seguindo algún camiño,
O xeito en que estas horas decrecen cara ao sur,
E van esparexendo un leite de cristal,
Un líquido cincento que brilla ao pé da noite.

E olla, meu amigo, que tantos anos fuches
Levando as túas ofrendas aos túmulos da tarde
Na terra que che deu acougo na túa infancia,
No río en que deitaches a ollada cando neno.

E olla como foron os anos derrubando
As vellas melodías por outras máis recentes,
Os prístinos misterios por lánguidos arcanos,
E deixa que te afaguen, que pousen sobre ti
Lección de antiga prata, secretas outonías.

E ti que, camiñante, despois de longa vía,
O tránsito demoras na altura deste val
E dás en acougar o corpo dos esforzos
Seguidos no percurso, ollando este país,
Repara en que a distancia axiña ha conducirte,
Máis antes que despois, a algún outro lugar,
Disposto contra o fondo do Atlántico e as ondas,
E fin terás que pór a toda a túa viaxe,
Xa vella e consumida, pretérita, caduca,
Sen campos por andar, sen vilas ás que ir.

Así tamén a vida, de súpeto, depón
O voo dos seus murmurios e a música remata.
E nada canto fagas, sublime o teu afán,
Ha darlle novo empuxe ao corpo derrubado.

Contempla, pois, agora na terra que se estende
Por ríos e por soutos e néboa entre carballos
Os triunfos e dozuras que a vida atesourou
E sente nestes cumios a altura insuperable
Da terra e da existencia.

II

Que ás veces acontece que un áxil camiñante
Se afaste do seu rumbo seguindo os propios pasos
E deixe atrás a sombra do corpo esvaecido,
Un voo de néboa escura deitada no camiño,
Un hálito de cinza soñando con chegar
A algunha praza aberta en vilas afastadas.

Así que nunca deixes o corpo nun relanzo
Das vías que acometas baixando un lento val
E asiste a ese naufraxio sumido na piedade.

Procura que os teus pasos non deixen de fluír
E sigan o teu rumbo en noites sucesivas
Que nunca del se afasten nin teñas que deixar
Atrás un baluarte, un muro derrubado.

Pois todo pasa e segue, e todo muda e troca
A cor dos tempos idos por outra máis recente.
Pois todo finalmente se afasta e espreguiza,
Fatiga que se acende no sangue para a morte.

Así que, viaxeiro, escoita esta proclama:
Dos longos percorridos que poida acometer
Un home cos seus pasos ningún máis solitario
Máis próximo da noite que aquel que se aventura
Seguindo unha tristeza e dá con vellos ríos,
Con longas alamedas enchidas de paxaros,
Con parques con estatuas caídas entre a herba.

III

Se vas por esas rúas, oíndo unha canción,
As mans sempre dispostas no peto dun abrigo,
Os ollos percorrendo o outono sixiloso,
Os meses de novembro, de outubro debuxando,
Sinais como de prata nos vidros dos comercios,
E símbolo de xeo no límite das herbas,
E expós a túa bagaxe nalgún dos breves bares
Que ofrecen a quentura ao estraño vaixeiro,
A aquel que en terra allea se interna con silencio
Oh deixa que as mulleres reparen no teu voo,
Que os vellos digan cousas en linguas non sabidas.

Serán os teus presentes ao brillo da distancia,
Ao estraño resplandor das músicas ao lonxe.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s