Adeus Literatura

Advertisements

Anaco dun saúdo outonizo

Segundo van pasando as horas da xornada
e a noite, vella amiga, se achega entre milagres
de nubes abrasadas e estrelas fuxidías,
sentado baixo o toldo da vella caravana,
enxergo como o outono se achega respirando.

Hai anos que nos vemos e nunca ata arestora
sentín no seu murmurio de ventos un saúdo
fraterno e amical, de antigo camarada,
coma este que hoxe, lento, de lonxe me dirixe.

Adeus, quere dicirme, cantor do meu percurso,
o vate que entre versos de fráxil porcelana
foi pondo a nota aguda e as cores apagadas
dos ríos que frecuento, das fragas que me outorgan
quentura e acubillo.